miércoles, 4 de abril de 2007

A Galiza inmaterial


Mañá é posible, aínda o teño que pensar, que me vaia un par de días á miña aldea. É un paraxe realmente fermoso, que recolle a esencia desa Galiza presente, esa cultura propia unida á terra. Un lugar polo que parece que non pasa o tempo, situado no pleno corazón da nosa terra, Arzúa é un lugar que prega coñecer.

Como xa dixen, está situada practicamente no centro, limitando coa provincia de Pontevedra e moi preto da de Lugo. Nesta vila conflúen os máis importantes camiños cara Compostela, é , por iso, un punto de unión entre os peregríns, a derradeira parada antes de chegar á praza do Obradoiro.



E non podía faltar unha especial mención á tan famosa feira do queixo de Arzúa, que se celebra en Marzo (curiosamente soe ser na data do meu aniversario, algo digno de mención sen dúbida e que se me escapou ao por no apartado de festas na primeira entrada do blog). Esta festa ten recoñecido prestixio internacional, é que do país das vacas e o leite, só podería saír o mellor queixo. Dende 1989 este queixo recibe a denominación de Produto Galego de Calidade e elabórase a partir de leite de natural e enteira de vaca, aínda que a feira xa levaba celebrándose dende 1975.

O concello de Arzúa é un dos máis grandes da provincia da Coruña, ocupa uns 154,56 km cadrados aínda que debido a dispersidade da poboación que nos caracteriza aos galegos, a densidade de poboación é algo baixa. Isto quizais pode contribuir á conservación desas paisaxes do rural galego tan recónditas e inéditas, que amosan unha fermosura especial.

Entre esos enclaves está a miña aldea, Salmonte. Un lugar realmente bonito, nada máis adentrarse nel pódese ver os grandes e verdes prados, cheos de vacas pastando; os bosques, impolutos, dignos de libros de literatura fantástica; e tamén, dende logo, a súa xente, parte da cultura viva galega, nas súas casas, nas que se respira a tradición.

En fin, que se tedes a oportunidade, recoméndovos visitar a terra da miña familia, dende logo que se o facedes non vos arrepentiredes, saúdos e ate a próxima.

PD: Se vos interesa, déixovos un link con máis información. http://www.concellodearzua.org/.